Blogia
dendemurosparaomundo

O candidato Fraga

O PRESIDENTE DE GALIZA:

O presidente da Xunta é candidato do PP á reelección, pediu onte o apoio dos agricultores galegos nas próximas eleccións autonómicas, para "non caer en mans de tolos como Carod Rovira".

Fraga, ante 25.000 agricultores e gandeiros -segundo a organización- chegados á localidade de Silleda desde distintos puntos de Galicia, dixo que "temos a obriga de gañar as próximas eleccións que se celebrarán o próximo día 19 de xuño, porque non nos podemos pór nas mans de tolos que estes días estiveron a negar a bandeira de España en Israel ou fixeron caricaturas dos símbolos da paixón de Xesús".

"Non podemos tolerar que sexa o señor Rovira ou os señores que non acaban de escoller un presidente no País Vasco, os que nos digan o que temos que facer. Galicia, unha vez máis, dará a cara se vós queredes", sinalou Fraga.

Neste acto electoral dedicado ós agricultores, Fraga lembrou a súa infancia vinculada ó campo e dixo que a "confianza é o máis importante" e por iso "eu pídovos a vosa confianza, que a defenderei ata o final".

O candidato do PP considerou que "vale a pena dedicar toda a vida ó servizo público, aínda que como en no meu, non se teña un duro" e lembrou, entre os numerosos logros dos seus mandatos, a construción do recinto feiral da Semana Verde de Galicia", onde hoxe se levou a cabo este mitin.

Fraga, que renunciou a ler o discurso que traía preparado, polo cansazo dos asistentes, que abarrotaban o pavillón número un do recinto feiral desde primeiras horas da mañá, subliñou que "o traballo no campo propicia que existan as cidades" e agradeceulle ós agricultores o seu traballo e esforzo, que tamén permitiron que se mantivese "a nosa lingua e cultura".

E mentres en Silleda se celebraba este acto, o propio presidente do PP nacional, Mariano Rajoy, recoñecía que el "tamén perde" se Manuel Fraga non repite na Presidencia da Xunta despois das eleccións autonómicas do 19 de xuño.

"Fraga pode perder a Presidencia da Xunta se non ten a maioría. Eu tamén perdo porque son o presidente do PP e o Partido Popular perde se deixa de gobernar unha comunidade", aseverou Rajoy nunha entrevista ó diario ABC.

Mantivérono como candidato porque el quería ir

Rajoy insistiu en que "mantivo" a Fraga para que o PPdeG volva repetir á fronte do Goberno galego porque "é o mellor candidato; porque quería ir; porque tiña dereito a ir; e porque é o presidente fundador do partido, non por outra razón".

O máximo dirixente do PP destacou a importancia da eleccións galegas na "operación que se fragua" para cambiar o modelo de Estado e asegurou que un triunfo dos populares o 19 de xuño sería "un freo para eses obxectivos".

Así, lembrou que os populares defenden a España constitucional e a da igualdade dos españois "e a Xunta non entraría en presentacións como o do tripartido en Cataluña ou o que se poida formar no País Vasco co PNV, o PSE ou EHAK", concluíu."

0 comentarios