Blogia
dendemurosparaomundo

Xesús Lorenzo Varela (La Habana, 1916 - Madrid 1978)

Xesús Lorenzo Varela (La Habana, 1916 - Madrid 1978) Como xa sabedes, este ano adicáselle o Día das Letras Galegas a Xesús Lorenza Varela, neste artigo figuran algunhas anecdotas da súa vida:

Paradigma de fillo de emigrantes, o nacemento de Xesús Lorenzo Varela está directamente vencellado ó fenómeno da emigración galega, xa que ven ó mundo no barco “La Navarre” que transportaba á súa familia desde Monterroro (Lugo) á Habana (Cuba). Era o 10 de agosto de 1916 cando Xosé Ramón Varela García, natural da parroquia de Fufín, e Perpetua Vázquez Ojea, de Lodoso, chegaban a Cuba co seu fillo recén nado á illa na que permanecen ata 1920 en que se trasladan a Buenos Aires (Arxentina).

No barrio de Nueva Pompeya transcorren os primeiros tempos da infancia de Lorenzo Varela que aínda neno regresa ó entorno rural de Monterroso que alterna con viaxes a Arxentina, para acabar instalándose en Lugo nos primeiros anos 30 para estudiar o Bacharelato. Son os anos de proclamación da República que espertan as inquedanzas políticas deste mozo que se achega ó ideario nacionalista durante un acto que celebra o Partido Galeguista o 22 de marzo de 1932 no Teatro Principal de Lugo coa asistencia de Castelao e Valentín Paz Andrade, entre outros. Contacto que o leva a participar da fundación o 11 de xaneiro de 1933 das Mocidades Galeguistas de Lugo con Ramón Piñeiro e outros compañeiros como Fernández del Riego, Xosé Velo, Celso Emilio Ferreiro ou Carvalho Calero. En Lugo tamén toma contacto e entabla amizade con Ánxel Fole que por entón editaba a revista esquerdista “Yunque”, e serán uns anos que marquen profundamente algunhas das súas creacións poéticas posteriores (poemas como ‘”Éramos tres irmáns” adicado á súa amizade con Fole e Ramón Piñeiro, ou “Lugo” adicado á cidade da súa xuventude e despertar político, o corroboran).
Na década dos 30 (1934) Xesús Lorenzo Varela abandona a cidade das murallas para estudiar Filosofía e Letras en Madrid onde contacta co gupo PAN (Poetas Andantes y Navegantes) que xurde do diálogo continuo dun grupo de amigos no café La Granja del Henar, e no que participan Rafael Dieste e Xosé Otero Espasandín. Este último chega a dirixir a revista literaria “Pan” creada en 1935, patrocinada polo irmán de Rafael Dieste, daquela cónsul de Uruguay e aglutinadora de colaboradores cos que Xesús Lorenzo Varela protaniza as Misións Pedagóxicas: considerada unha das páxinas máis brilantes da cultura republicana, este proxecto de dinamización cultural enmárcase nas reformas educativas da II República e o seu principal obxectivo era levar a cultura de xeito lúdico ós recunchos máis afastados dos centros culturais e educativos, tratanto ó tempo de dignifica-los valores da cultura tradicional rural
Esta etapa na biografía de Xesús Lorenzo interrómpese en 1936 co comezo da Guerra Civil española (1936-1939) na que ten unha participación activa, tanto no frente de loita como no ámbito cultural a favor da causa republicana. Logo de participar na constitución da Alianza de Intelectuais Antifascistas para a Defensa da Cultura (creada en 1936 por personases como Rafael Dieste, José Bergamín, Rafael Alberti, Antonio Machado ou Federico García Lorca), e de ver condicionado o seu labor xornalístico que por aquel entón centraba as súas actividades creativas, Lorenzo Varela reacciona enrolándose como voluntario para loitar na fronte donde, desde comisario político, pasou a comandar unha brigada da 11 división e a afiliarse ó Partido Comunista.
Labor de combate e loita política que compaxina co xornalismo xa que escribe e dirixe distintas publicacións destinados á tropa en combate, como “El Mono azul” e “Hora de España”, e participa tamén nos volumes colectivos “Poetas en la España Leal” (1937) e “Homenaje de despedida a las Brigadas Internacionales” (1938).
Por estes anos (xullo de 1937) celébrase en Valencia o Segundo Congreso Internacional de Intelectuais Antifascistas., que se convertiu no máis importante da historia contemporánea pola asistencia de algúns dos escritores da época como Pablo Neruda, Nicolás Guillén, Ernest Hemingway, César Vallejo, Raúl González Tuñón, Octavio Paz, André Malraux, Lois Aragón, etc.
Un novo xiro na vida de Lorenzo Varela o marca o final da contienda civil. Logo de permanecer no campo de concentración de Saint Cyprien (en Francia), consigue embarcar en maio de 1939 rumbo ao exilio en México. De novo o mar de por medio marcan dous dos fenómenos máis importantes da historia española do século XX e da vida de Xesús Lorenzo: a emigración (a pegada atópase no seu nacemento chegando á Habana cos seus pais como emigrantes) e o exilio (derivado da súa actividade política e ós seus ideais a prol da República).
En Veracruz agárdano amigos como León Felipe, José Bergamín e Miguel Prieto que o axudan a retorma-la súa actividade literaria e xornalística chegando a co-dirixir as revistas “Romance” e “Taller”, entablando novas amistades como a de Octavio Paz que o integran na vida cultural mexicana. Unha vitalidade que lle leva a escribir o seu primeiro poemario individual: “Elegías españolas” (Editorial Guerra Literaria, 1940).
Esta primeira etapa no exilio remata en 1941 cando, tras unha breve estadía en Cuba , decide trasladarse de México a Arxentina onde reside seu pai (súa nai falece en 1944) e onde se atopa con vellos amigos da súa etapa madrileña como Rafael Dieste, e con outros galegos como Luis Seoane. O xornalismo e a tradución centran a súa actividade en Buenos Aires onde comeza unha intensa actividade intelectual permanecendo fiel ós seus ideais políticos. Neste ambiente publica en 1942 –e non exento de dificultades- “Torres de amor”, o seu máis extenso poemario en castelán escrito antes da súa chegada a Arxentina, e que conta cun limiar de Dieste e ilustracións de Seoane. Pero 1942 tamén se convirte nun ano clave na vida e obra de Xesús Lorenzo Varela pola súa participación na fundación da revista “De mar a mar”: unha publicación literaria na que se inclúe a poesía, a prosa ou a plástica. Trala desparición desta revista codirixe a quincenal “Correo Literario” (1943-1945) na que publica sete poemas en castelán e numerosos artigos, ás veces asinados co seu propio nome ou baixo o pseudónimo de Felipe Arcos Ruíz. Dos anos 40 son as tertulias no Café Tortoni onde entabla relación con outros intelectuais exiliados.
Na súa faceta de tradutor figuran traballos como a tradución de poemas de Aquilino Iglesia Alvariño, e traducións do portugués ao castelán como"Doña Flor y sus dos maridos" do escritor brasileiro Jorge Amado. Mentras, como creador literario cómpre reseñar “Ofrenda a los franceses”, sendo tamén un excelente crítico de arte e sen deixar de lado un dos fitos máis importantes do seu labor creativo: a publicación da súa primeira obra galega, “Catro poemas para catro grabados”, incluidos no álbum de litografías de Luis Seoane “María Pita e tres retratos medievales”. Corría o ano 1944, o mesmo do falecemento da súa nai, e case dez anos despois, en 1951, faise unha segunda edición destes poemas acompañados dunha tradución inglesa de William Sand, e da música do compositor Julián Bautista.
Lorenzo Varela compaxinaría durante estes anos a poesía con outras actividades creativas , con ensaios e xornalismo. Ademáis de codirixir con Luis Seoane entre xuño de 1946 e xullo de 1948 (logo da desaparición de “Correo Literario”) unha nova publicación: “Cabalgata”, e de colaborar nos xornais e revistas máis importantes de Arxentina (“Clarín", "El Mundo", "La Nación", "El Hogar", "Del Arte", "Sur", "Primera Plana"…), exerce o xornalismo radiofónico a través do programa “Hora Once” co fotógrafo Horacio Cóppola.
A súa militancia política tampouco quedará afastada da súa vida e desde a súa chegada a Bos Aires ao porteño barrio de Nueva Pompeya, Lorenzo Varela incorpórase á militancia política. Coa división do Partido Comunista de España en distintos sectores enfrontados, Lorenzo Varela toma a decisión de se distanciar desas liortas e comeza a militar no Partido Comunista Arxentino colaborando na Frente Cultural.
Pero será a vida sentimental de Xesús Lorenzo a que marque o tránsito dos anos 40 ós 50, xa que entre 1947 e 1952 reside en Montevideo onde entabla unha relación sentimental coa escritora Estela Canto que non chega a fructificar polo que decide regresar a Arxentina onde continúa coa poesía publicando “Lonxe”, en 1954Nesta década empezan a aparecer en Galicia algúns dos seus poemas que se publican en revistas da Galicia da posguerra (no número 11 de “Alba” aparece o poema “María Balteira”), e que Francisco Fernández del Riego inclúe na súa “Escolma da poesía galega IV. Os contemporáneos” , de 1955. Un ano no que Xesús Lorenzo coñece en Buenos Aires a Isaac Díaz Pardo do que se fará amigo e colaborador ata o seu falecemento.
E de novo a súa vida sentimental cobra protagonismo no paso dos 50 ós 60 xa que decide finalmente casar con Marika Gerstein –unha profesora de idiomas viúva e moi culta- en 1960. Con ela ten tres fillos –Hugo, Ariel e Fernando-, e con ela mantén as interesantes reunións que se celebraban na súa residencia con personaxes como León Felipe, Luis Cernuda, Rafael Alberti, Alberto Closas ou Ernesto Sábato. Os anos 60 son tamén importantes porque regresa por 15 días a España empregando unha licencia do xornal “La Razón” no que colabora e para comprobar as posibilidades reais dun retorno definitivo. Volta que non se produce, a pesar de que algúns dos seus amigos (Dieste, Seoane ou Díaz Pardo) sí deciden retornar. Esta década queda marcada por un descenso na producción poética de Xesús Lorenzo do que cómpre destacar a publicación en 1963 do poema “Homenaje a Picasso”, e do ensaio “Seoane o el arte sometido a la libertad”, de 1966, como signo do que será a súa actividade a partir dentón: atención ós compromisos dos amigos que espallan en libros e álbums boa parte da súa creación final.
Así se desenvolven as publicacións do poema “Cantiga nova que se chama cadea”, en 1970 (adicado a Xosé Luis Méndez Ferrín, entón encarcelado, e aparecido no primeiro e único número da revista “Cuco-Rei” editada por Seoane) ou o ensaio adicado á obra pictórica de Salvador Dalí (1971).
O tan ansiado regreso prodúcese en plena transición política española, acelerado pola situación política que se vivía en Arxentina (represión do dictador Videla tralo golpe de estado) e logo dunha viaxe por Europa: entre 1976 e a súa morte vive entre Galicia e Madrid matinando novos proxectos culturais pero nun ambiente de indiferencia e menosprecio cara a súa persoa. Só Xesús Alonso Montero e Ánxel Fole saúdan o seu regreso, e únicamente Díaz Pardo recolle o testigo dalgunha das súas iniciativas como a posta en marcha do Instituto Galego de Información que Lorenzo Varela concebía como instrumento de comunicación e recuperación da moderna historia de Galicia. A Galería Sargadelos de Madrid sería o seu refuxio: alí adicábase ás traducións e lembraba Arxentina.
Coa saúde debilitada, e véndose reducida a súa creación literaria a esporádicas colaboracións como os prólogos de libros de Paz-Andrade e Manuel Lueiro, Xesús Lorenzo Varela chega ó fin dos seus días sumido na soedade. Falece en Madrid o 25 de novembro de 1978, e os seus restos mortais son trasladados ó camposanto de San Martiño de Fufín, en Monterroso (Lugo), no ano 1981."
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres.

0 comentarios

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres