Blogia
dendemurosparaomundo

A miña humilde opinión

A miña humilde opinión Ola, este artigo, tenta ofrecer a miña postura sobre a Constitución Europea, e os entremados realizados por parte do goberno e os seus complices para lexitimalo...


Opino que a descrición anterior do tratado e dos protocolos existentes, recollida e complementada da paxina oficial da Unión Europea, trata dende un posicionamento superficial os temas existentes. E, moitos destes e outros puntos que van a lexislar ós europeos poden ser obxecto de discusión, así como a propaganda que se fixo desta para predispoñer á xente na súa votación ou os resultados acadados.

Penso que é un dato moi relevante, que só menos dun tercio da cidadanía do estado español con dereito de voto, ratificou favorablemente o Tratado da Constitución Europea no referendo consultivo celebrado o 20 de febreiro. Con este resultado, o Tratado Constitucional da Unión Europea, non debería ter lexitimidade. Cando se esixe consenso, maiorías do 50% + 1, incluso maiorías cualificadas no caso de decisións de certa transcendencia, non debería de aceptarse que se ratificase un Tratado Constitucional con voto favorable de menos dun tercio do censo electoral. Así que, considero que de observárense e analizárense as votacións de xeito que se concluíse un resultado racional, este, nunca podería ser o aprovamento dunha constitución rexeitada pola poboación.
Xunto coa altísima abstención , o voto NON á Constitución Europea, obtivo o 17,3 % dos votos no conxunto do estado, alcanzando resultados impactantes e susceptibles de ser obxecto de reflexión; xa que en Euskal Herria e Catalunya, nacións cunha personalidade e opinión moi desenvoltas, o non, acadou un 33,7% e un 28% respectivamente.
Asemade, os votos en branco tamén alcanzaron porcentaxes inusuais (6% na media estatal), reflexándose con este dato, baixo o meu punto de vista, unha pasividade e unha alerxia política moi elevada. Creo que os votos en branco son un símbolo dun rexeitamento e repudia ó sistema político e democrático actual, tal como está plantexado.
Un feito moi representativo, é que goberno do estado e as forzas políticas partidarias do SI que representan ó redor do 90 % do Congreso de Deputados non foron capaces de mobilizar sequera ós seus electorados tradicionais, fracasando estrepitosamente.
A pesares de que no proceso do referendo case se silenciase ós defensores do non e de que o goberno do estado manipulase a información, e empregase os recursos públicos en beneficio da posición do si; contra tódalas adversidades, o voto non, obtivo un resultado moi digno, especialmente, nos lugares onde a cidadanía a través da actividade de centenares de plataformas que agrupaban a numerosas organizacións, puideron contrastar a información, explicar, e ofrecer unha visión máis completa do verdadeiro contido e case oculto, do tratado constitucional. Como por exemplo, o seu carácter profundamente antisocial ó consagrar o modelo económico neoliberal, o déficit democrático e a negación dos dereitos nacionais ou a confirmación da Europa belixerante; así como ofrecer posibles alternativas para avanzar nunha Europa social, verdadeiramente democrática, pacífica e solidaria.
Como ben dixo Xosé Vidal-Beneyto, importante intelectual de esquerdas, “a conxunción de dúas lóxicas corrompidas: a política e a mediática, impuxeron unha axenda de rivalidades e descualificacións nas que unha vez máis a causa de Europa foi sacrificada ós propósitos politiqueiros duns e doutros”. Deste xeito, os partidos políticos e os seus líderes, en lugar de tentar convencernos das vantaxes de contar cunha constitución común a tódolos países pertencentes á UE, dedicáronse a predicir o que nos caería enriba de non votar “positivamente” no referendo.
Cómpre sinalar con referencia ó texto do tratado, a súa esaxerada extensión e complexidade, con 448 artígos, 36 protocolos, 2 anexos e 50 declaracións, fronte á unha sinxeleza, que se en realidade cresen que a súa proposta fose positiva e beneficiosa para a maioría da poboación, estaría presente.
Asemade, a dependencia está elevada ó grao máximo, xa que cada país depende para a toma das súas decisións en tódalas materias transcendentais, do aprovamento e consentimento dos membros restantes; igual que se require unha unanimidade en materia de política exterior e de goberno económico da Unión.
No que atinxe ó carácter comercial e financeiro do Tratado, pódese dicir que este, é estatisticamente demostrable xa que o mercado, aparece citado 78 veces, e a competencia, ten 27 ocorrencias, sendo eles os referentes máximos; ademais de, cancelarse o político e diluírse o social, por non seren un motivo economicamente favorable para as multinacionais, máximas beneficiadas da constitución “aprobada” polos cidadáns.
Continuando na liña de non permitir refacer ou discutir os textos feitos por algúns dos máximos dirixentes (que non por nós), practicamente non se pode proceder a unha, máis que probablemente precisa revisión constitucional, o que, equivale a pechar o futuro entre os muros que agora se constrúan. Opino que debería ser un factor determinante para facer un tratado susceptible de ser revisado, a heteroxeneidade presente entre os Estados membros en canto ó seu pasado e á súa historia inmediata, así como ós seus propósitos e expectativas.
Considero que existe un número moi elevado de puntos con posibilidade de ser discutidos e deslexitimados. O mundo está a cambiar de xeito veloz e irremediable, podemos nós facer algo para que se adecúe dacordo ás nosas expectativas de modo que non nós sexa prexudicial?, ou, simplemente debemos deixar de loitar e somerxernos na pasividade imperante?. Que consecuencias máis inmediatas ten o tratado pertencente e relativo ós membros da UE?
Opino que o aspecto máis relevante, e que o mesmo tempo foi motivo da creación dunha constitución, é a maior liberdade, se cabe, que terá nun futuro moi próximo o mercado; os sucesos e decisións que marcarán o desenlace da humanidade están subordinados a estas entes de carácter supranacional chamadas multinacionais, que están sempre presentes, senón de xeito explícito e claro, como no goberno dos EEUU (industrias de armamento e petrolíferas), xerando dependencia económica ou de outras diversas maneiras. O diñeiro move o mundo. Nembargantes, penso que o tratado ten puntos positivos, de telos, un podería ser un hipotético agrandamento do poder e competencia fronte ós EEUU de Norteamérica. Xa que Europa, foi ata agora un xigante económico, pero un anano político. Pero, que posición poderá tomar España nunha máis que probable guerra imperialista e estratéxica dos EEUU contra Irán?, todos a favor ou todos en contra; en realidade asústame pensar niso. E se nun futuro, se este mesmo país se ve “obrigado” a defender a súa supremacía contra China?, nós que faremos?. Seremos unha competencia amiga ou racional?, de ser racional, non cabería outra cousa que ir na defensa das víctimas do imperialismo, e facer fronte a un imperio, que ó igual que o fixeron todos os seus predecesores, debe caer derrotado.


Bueno, que opinades con respecto á Constitución que vai estar vixente para todos os europeos?, parécevos adecuada?, decantaríadesvos por non ter ningunha? gustaríavos unha máis adecuada?...

Se podedes deixade as vosas opinións, ou algunha suxerencia para un próximo artículo relacionado coa Constitución Europea.. Un saúdo.

3 comentarios

Alessandra -

DEIVY! sabía que escribías ben pero a verdade é que ademais de seres quen de plasma-la túa ideoloxía dunha maneira verdadeiramente transparente repecto a este tema tan davatido, penso que poderías chegar a ser 1 excelente político. Estou dacordo co que espós;para o meu modo de ver, este feito (a entrada da UE) PERXUDICARÁ ao longo ao estado espanhol para a toma de decisións axeitadas e non tan axeitadas e, ademáis, afectará á singulariedade do noso país,Galiza. Deivy, "estou orjullosa de ti"

Andrew -

Ola! q TAL fenomeno?? Felicidades polo teu güevló, é unha pasada, aínda que a ideoloxía supera o resto non? pero iso, non é algo negativo, xa que xa era de que teñamos liberdade de expresión. É unha mágoa que a xente non pensara igual ca ti no referendo, e quedasemos como país que acepta a constitución e o proxecto da UE para unha Europa unida... claro, claro! Veña artista... vavavavava, segue de puta madre co güevló, vas triunfar 3000

Anónimo -

Ola! q TAL fenomeno?? Felicidades polo teu güevló, é unha pasada, aínda que a ideoloxía supera o resto non? pero iso, non é algo negativo, xa que xa era de que teñamos liberdade de expresión. É unha mágoa que a xente non pensara igual ca ti no referendo, e quedasemos como país que acepta a constitución e o proxecto da UE para unha Europa unida... claro, claro! Veña artista... vavavavava, segue de puta madre co güevló, vas triunfar 3000